Thursday 02 de May de 2024

Os corpos de seguridade da cidade homenaxearán o persoal sanitario do CHUAC


 

Membros da Policía Local, Autonómica e Nacional, da Garda Civil, Bombeiros e Protección Civil acudirán mañá ás 14.30 horas á rotonda do hospital para darlles un forte aplauso en agradecemento polo seu esforzo e humanidade nestes días tan críticos en que están en primeira liña de combate contra o coronavirus
A Asociación Profesional de Policía Local da Coruña en
colaboración cos demais corpos de seguridade da cidade organizan mañá, ás 14.30 horas,
unha concentración na rotonda do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC)
para homenaxear o persoal sanitario que está estes días na primeira liña de combate contra
o coronavirus.
Vehículos da Policía Local, Autonómica e Nacional, da Garda Civil, dos Bombeiros e
Protección Civil colocaranse na glorieta do centro das Xubias para darlles un forte aplauso a
todas e todos os profesionais que axudan con recursos médicos e asistenciais a frear o
avance da enfermidade e procuran o benestar das e dos coruñeses infectados.
Durante o transcurso do acto, garantirase o paso de ambulancias e outros vehículos que
queiran acceder ao CHUAC. A iniciativa xurdiu de todos os corpos de seguridade que
operan na cidade como unha forma de lles agradecer ás persoas que están tan expostas ao
virus o seu labor e humanidade e tamén para darlles moita forza nestes días tan críticos.